Descripción
A Cidade dos Barrios é unha Plataforma de Investigación e Reflexión sobre a cidade da Coruña que pretende afondar no microurbanismo e nos desexos dos cidadáns para a configuración do espazo público e a forma urbana. Está publicación é o rexistro das múltiples accións e investigacións sobre a cidade da Coruña. Ademais dos datos aquí recollidos -resultados das enquisas, análisis dos barrios, reflexións urbanas e obradoiros participativos en distintos puntos da cidade- celebráronse seis conferencias -Andrés Jaque, Katrin Golda-Pontgraz, Losdeldesierto, Alvaro Domingues, Jose Miguel lribas e Jose Maria Ezquiaga- que amplificaron o debate formulado.
A Cidade dos Barrios ofrece unha mirada complementaria da Coruña na procura de percepcións esquecidas ou non sempre suficientemente consideradas; un percorrido polos barrios da cidade que considera o seu xurdimento, evolución e situación actual. Con ese fin establece oito temáticas principais: “Lugares de bordo”, «Espazos de relación», «Construción do plural», «Estratexias de densidade», «Xeitos de visibilización», «Estratexias de sociabilización” «Procesos de centralidade” e, por última, «Contribución da paisaxe».
De xeito simultáneo realiza un estudio estatístico para coñecer as opinións sobre a cidade, tanto a nivel xeral como de barrio. O proceso de documentación, análise e interpretación foi desenvolvido por un equipo de arquitectos, inxeñeiros, sociólogos, xeógrafos e fotógrafos que reflectiron as súas ideas sobre espazos esquecidos da cidade, revelando algunhas das contradicións na súa planificación. Por outra banda, varios colectivos de arquitectos aproximaron estas controversias até os cidadáns, ofrecéndolles a posibilidade de participar de xeito activo mentres propoñían -e realizaban contribucións arquitectónicas de baixo custe que servían para activar ou estimular as relacións de veciñanza.




