Descripción
Esta publicación fai referencia a unha mostra da obra cartelística de Isaac Díaz Pardo levada a cabo na Universidade da Coruña que remite claramente á personalidade do seu artífice, logrando deste xeito un enriquecemento da súa lectura. É por isto que este libro recolle, a parte do conxunto de obras que conforman a Exposición, unha serie de textos que, dalgún xeito, pretenden delinear, a modo de esbozo, a personalidade de Díaz Pardo a partires da súa obra cartelística. Xesús Alonso Montero, dende o seu bo coñecemento persoal, delimita o perfil do Díaz Pardo artista, intelectual, empresario e compañeiro; Fermín Bouza, sociólogo, cinguese ó mundo do cartel como elemento simbólico no mundo social ; Xosé Luis Axeitos profundiza na ética fundacional de Díaz Pardo; Xan López Domínguez, cartelista e ilustrador, analiza a obra gráfica relacionada cos carteis e as ilustracións; Euloxio Ruibal, dramaturgo, fai fincapé nas súas aportacións ó mundo do teatro; e María Ruído achegase a el dende a súa condición de ensaísta e artista.




